Archivo

Archive for 03/03/2006

3 anos para colgar un PDF

03/03/2006 2 comentarios

Onte, despois de 3 anos da súa elaboración, por fin puxeron nun web público da Xunta de Galicia o meu traballo «O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descendentes dos emigrantes», que como gañador do premio Galeguidade de ensaio convocado pola anterior Consellaría de Emigración, debía ser publicado polo goberno galego.

E para que así fora tivo que ser necesaria unha viaxe a Galicia e unha entrevista persoal co Secretario Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, dentro do marco das conversas que solicitamos co novo goberno PSdeG-BNG desde a nosa Asociación Fillos de Galicia.

Vou tentar explicar un pouco como foi o conto para que se entenda a axilidade e resposta da administración galega. A primeiros de 2004 xa estaba concedido o premio e eu púxenme en contacto coa Consellaría de Emigración para averiguar cándo sairía editado, xa que as obras gañadoras destes concursos que convocaba Emigración eran publicados por eles, como posuidores dos dereitos, tal e como se desprendía das convocatorias tal e como saían publicadas no DOG. Daquela explicáronme que en principio a intención era que saíra durante o ano 2004, pero que como ás veces se procedía a xuntar varias obras premiadas (en varios anos) pois que mesmo podía tardar 5 anos en saír! Eu, como é lóxico, insistinlles na necesidade de proceder á publicación de obra á maior brevidade posible, xa que tratándose dun ensaio acerca de Internet, logo ficaría desfasado, dada a evolución tan rápida que ten a Rede. Entón propuxen como solución temporal fornecerlles unha versión electrónica en PDF que eles poderían publicar no web da Consellaría.

Daquela tamén lles suxerín proceder eu tamén á publicación en paralelo no web de Fillos ou nalgunha outra ubicación. Curiosamente fixéronme saber que esa publicación pola miña banda, non sería ben vista por eles. E así fiquei, logo, sen poder contribuir doutra forma ao espallamento do contido do ensaio á espera de que puxeran a disposición do público, cando menos e o antes posible, na versión en PDF.

Pero os meses e os anos pasaron e vin que non había noticias nin da publicación impresa nin da electrónica. Mesmo cheguei a pensar que estaban demorando a súa publicación por algunha razón pouco confesable (talvez porque puña en evidencia o seu atraso no terreo de Internet e que Fillos de Galicia, sendo unha iniciativa case sen apoio pola súa banda estaba facendo, como moita xente dicía daquela, o seu traballo?). Polo tanto, e aínda a risco de que non o viran ben (manda truco!) procedín sucesivamente á súa publicación dentro de Galeguidade.net, Fillos.org e no meu web persoal.

Agora, tras darlle a coñecer a situación ao Secretario de Comunidades Galegas, procederon a publicalo por fin, precisamente no web que segundo algunhas opinións, foi deseñado polos anteriores responsables do PP baseándose na miña obra nunca publicada: GaliciaAberta. Iso si, agachado no absurdo listado alfabético de obras da súa sección de libros e cunha URL de centos de caracteres.

Agora pregúntome eu se verá algún día a luz a versión impresa, tan necesaria no seu momento para dar a coñecer as posibilidades de Internet aos centros e aos propios emigrantes que aínda non fan un aproveitamento das posibilidades da Rede no ámbito da galeguidade.