Archivo

Archive for 04/04/2006

Concellos galegos en Internet: a Xunta recolle a luva

Xusto dous meses despois do impacto producido en certos medios do I Informe sobre a presenza en Internet dos concellos galegos, dirixido por min para RedeGalega.org (o departamento de servizos de Internet da A.C. Fillos de Galicia), a Xunta recolle a luva guindada por nós. Concretamente Vieiros nos informa de que o director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, Juan José Gómez Romero, vai liderar unha mellora e unha vixianza permanente desta presenza web. Aplaudimos a iniciativa e espero que recoñezan a decisiva importancia do noso informe nesta iniciativa. E mesmo que conten connosco para eses traballos.

O que non sei moi ben cómo interpretar é cando se di na nova que:

Gómez Romero recoñeceu que as análises que se realizaran deica agora fixéronse sen a implicación dos propios concellos, de forma que os propios gobernos municipais non chegan a ser conscientes dos seus défices en internet.

Albíscase algo así coma un reproche nesa alusión ao noso informe? Claro que o fixemos sen a implicación dos concellos. Porque non temos os recursos dos que poden dispoñer as administracións públicas para abrir canles de comunicación globais con eles; xa abondo traballo foi facer o estudo dos webs como para gastar un tempo que ninguén nos pagaba en contactar con eles previamente. Así de triste e así de sinxelo.

Ademais… que tería achegado? A maioría deles non saben nin o que teñen en Internet. Non se entende doutro xeito que poidan ter uns webs tan defectuosos. E o vencello que fai Gómez Romero entre implicación e consciencia non o vexo eu tan claro. Se se parte dunha implicación do concello (de que tipo, por certo?) vaise asegurar que lles chegue mellor a análise, que se lles meta na cabeza a súa mensaxe? Home, se a encargan eles, é posible. Pero unha iniciativa como a de RedeGalega, que eles non encargaron e da que non tiñan coñecemento, penso que non é atranco ningún para que sexan conscientes dos resultados. Seica non len a prensa? Cantas veces temos chamado aos concellos desde Fillos de Galicia para non conseguir falar case nunca cun interlocutor axeitado! RedeGalega comunicou os resultados á sociedade a través dos medios de comunicación. E de aí chegou ás institucións, o cal demostra que o camiño non era ineficaz.

Por suposto que a comunicación podía ter sido mellor e os resultados chegar antes ou ser máis decididos, pero a optimización dos nosos precarios recursos fixo que non tivéramos opción.

Agora estaremos atentos ás medidas que se tomen. Nós estamos á disposición tanto de cada concello como de calquera departamento da Xunta ou da FEGAMP para colaborar na mellora da presenza en Internet dos concellos.

Eles non se preocuparon ate o de agora, iso é un feito. Agora fano grazas ao noso informe. Para nós xa é unha proba de que o informe deu os seus froitos positivos.