Archivo

Archive for 21/02/2007

Gasta con xeito a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

21/02/2007 5 comentarios

Coñecidas son as miñas repetidas críticas ás accións da actual Secretaría Xeral de Emigración na Rede, dirixida por Manuel Luis Rodríguez (PSOE) e que son continuación e ampliación das efetuadas no pasado pola Consellaría de Emigración do PP. Estas críticas pretenden salientar fundamentalmente dous puntos: en Emigración non están a demostrar un coñecemento axeitado do funcionamento e posibilidades da Rede, e están pecando de ineficiencia ao dilapidar fortes sumas de diñeiros público en proxectos sen resultado, ou cando menos que teñen resultados non proporcionais ao investimento que realizan.

O último dato neste sentido veu hai un mes cando vimos que se convocaba un concurso para a xestión do portal GaliciaAberta (poden os lectores interesados atopar moita información sobre o que opino da creación deste portal por parte do goberno do PP e da súa total asunción e continuación por parte dos actuais responsables do PSOE tanto en PlanetaGalego como neste mesmo blog). Desa convocatoria puiden extraer lamentables conclusións:

  • O custo do portal está nos 20.000 euros mensuais.
  • O portal fai uso das tecnoloxías máis caras do mercado (CMS Vignette, Websphere de IBM, bases de datos Oracle, etc.), non sabemos en beneficio de quen, desde logo non dos cidadáns nin das arcas públicas cando hai alternativas de software libre que fornecen resultados equivalentes.
  • Aínda que o portal teña uns contidos oficiais ou gobernamentais, boa parte del replica a estrutura, contidos e servizos da comunidade virtual Fillos.org, cuxa xestión custa menos de 4.600 euros mensuais: o custo total de todo o que fai a Asociación Cultural Fillos de Galicia, que de feito inclúe máis labores cá xestión de Fillos.org, foi no 2006 de 55.000 euros. É dicir menos do 23% do que custa GaliciaAberta.
  • O prazo para presentar ofertas, para un proxecto desa contía e cun prego de especificacións técnicas moi ríxidas, era de 8 días. Algo inaudito e que eu me pregunto se é mesmo legal. Que empresa podería optar a ese concurso en tan breve prazo e cunhas condicións tan pechadas? Calquera podería pensar que se quería que unicamente se puidese presentar a empresa que creou o portal! Que xustificación existe para ter publicado este concurso por vía de tramitación urxente?

Iso vense sumar a outros comporamentos de difícil xustificación por parte dos responsables de Emigración, como a resposta que nos deron cando desde Fillos de Galicia insistimos o ano pasado en coñecer o custo de creación e mantemento de GaliciaAberta: «Iso non é asunto voso». Seica coñecer canto gasta a Administración, como e en que o gasta non é asunto dos cidadáns! Alabada sexa a trasparencia democrática! 😦

En definitiva, non remato de comprender por que non se deixan asesorar, nin polos que levamos anos traballando nun campo (Internet) que aínda se demostra que é demasiado novo para eles, e que concentramos a maioría do público da nosa emigración nese campo, e tampouco por outros departamentos especializados da Xunta, como os responsables de asuntos da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, como lles chegamos a suxerir nós, desesperados ante a actitude de incomprensión e teimosía que me amosaban a finais do ano pasado nun asunto de marketing online no que tiñan aceptado a nosa colaboración.