Archivo

Archive for 18 junio 2007

Sobre as críticas de Rodrigo Varela (de Galinus) en Chuza

18/06/2007 8 comentarios

Quixera comezar as miñas reflexión nesta nova sección de Res Retica que vou adicar ao meu labor para Fillos de Galicia, comentando a sorpresa e desagrado que me causa a actitude amosada por alguén que semella ser Rodrigo Varela Tabuyo e que baixo o alcume de roicinho ven de participar cos seus comentarios dunha forma ao meu entender lamentable, nunha nova que enviei hai uns días a Chuza encol do lanzamento da Parcelaria 2.0.

Gostaríame deixar algunhas cousas claras ao respecto destes seus comentarios:

  • Que unha empresa (ou alguén que ten unha responsabilidade importante nela, como entendo que é o caso), en troques de apoiar o chamamento dunha entidade non lucrativa que traballa pola conservación e espallamento da nosa cultura, se adique a sementar dúbidas, facer críticas feroces, insultar e achegar datos erróneos, non merece outro calificativo que actitude cainita. Con accións deste tipo, Galiza e a súa cultura nunca poderá saír do burato onde a queren meter os seus inimigos.
  • E digo sementar dúbidas porque parece que non quere crer os datos achegados, aínda que se abran ao público as nosas estatísticas para despexar dúbidas e diferenzas de interpretación de cifras de visitas, etc.
  • E digo crítica feroz porque coido que non é forma de tratar a unha entidade non lucrativa e cultura como a nosa, un proxecto que leva máis de 10 anos ofrecendo en condicións moi difíciles e sempre coa trasparencia como valor inherente, algo que ninguén máis ofrecía. Sen apoio público nin privado. Simplemente por compromiso coa nosa xente e o noso país espallado polo mundo.
  • E digo insultar porque aínda que me fai graza que me chamen vaca sagrada coido que non foi un piropo. E a comparación con Fraga semella absolutamente fóra de lugar e inmerecida desde calquera punto de vista. As críticas e preguntas maliciosas de roicinho eran de índole técnica ou política? Xa non me queda claro.
  • Os datos erróneos son unha maneira moi fea de enlixar un chamamento á soidariedade. Non soamente Rodrigo non contribúe a axudar a Fillos senón que provoca o desprestixio de que o fai, sementando dúbidas sobre a súa honradez. En troques de pensar que a diferente interpretación de certas cifras estatísticas non leva a deducir mala fe algunha, e para nada inflúe no fundo da cuestión (Fillos precisa axuda económica para manter un servizo de calidade), adícase a buscar as voltas a cifras que mesmo desde un punto de vista técnico son dificilmente xustificables (desde cando un buscador de blogs como Technorati é un medidor da importancia dun portal?). E cando lle fago ver que achega datos falsos acerca dos links en Google, escurre o vulto e non xustifica as súas mentiras ou falsidades.
  • Non podo por tanto deixar de lamentar que no noso país, en xente supostamente comprometida co avance tecnolóxico da Internet galega, coa cultura e co idioma, existe a capacidade, carraxe, falta de ética e inconsciencia como para tratar así a quen non soamente non debería merecer trato de inimigo, senón que gasta as súas enerxías cada día nun obxectivo non lucrativo, social e cultural.
  • Xa chega de cainismos, envexas ou inmadureza profesional.

PS: Debo recoñecer que cando outro chuceiro revelou a identidade de roicinho como responsable de Galinus, levei unha grande sorpresa. Polo seu primeiro comentario, pensara eu que me atopaba cun típico adolescente que cre saber catro cousas de Internet e por algunha carraxe contra os emigrantes ou así, cargaba contra min (ou contra Fillos). Porque ese nome non me soaba de nada e non tiña consciencia de lle ter feito nada nin que puidera ter nada contra Fillos de Galicia. Así é que cando souben que se trataba de alguén de Galinus, lembrei as críticas que eu fixera -coido que construtivas- no blog desta empresa a conta de Vieiros, cuxa renovación recente mereceu tamén certos comentarios neste mesmo blog de meu. Así que invito aos lectores a que lexan estes comentarios, estoutro, e mesmo este, para que xulguen se:

  • Poden ter algo que ver co ataque que recibiu Fillos por parte de Rodrigo.
  • Se por moi duras que lles pareceran as miñas críticas, lle da iso dereito a criticar a Fillos de Galicia. Iso é non saber diferenciar. Eu critiquei un traballo concreto deles (penso que de forma razoada), e se ficaron doídos, podería entender que me criticasen a min, pero non á asociación Cultural Fillos de Galicia. Ademais unha cousa é criticar a usabilidade dun web e outra tentar enlixar o crédito dunha organización non lucrativa.

Nova Sección en Res Retica: Filli Callæchiæ

Dado que dunha ou doutra forma, moitas veces saco aquí temas relacionados con Fillos de Galicia, asociación sen ánimo de lucro para a que traballo, e dado que me parece interese ampliar as miñas reflexións acerca deste proxecto neste lugar, onde non falo como representante de Fillos, senón unicamente no meu nome, como profesional de Internet, dando a miña visión crítica de moitos aspectos da Rede, hoxe decidín crear unha nova sección chamada (para seguir cos latinismos) Filli Callæchiæ, na que xa de entrada incluín todas aquelas entradas antigas do blog que tocaban o tema.

Categorías:Filli Callæchiæ, META

Política lingüística: En que meter un millón de euros?

10/06/2007 1 comentario

Logo de Galego e Logo (valla a redundancia)Levo xa varias semanas querendo pararme a falar disto en Res Rética pero non dei sacado tempo ate o de agora. Quero comentar aínda que só sexa por riba o que a min me parece unha forma pouco eficiente de gastar as partidas orzamentais que ten a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta. Vexo que gastan un millón de euros nunha campaña como Galego E Logo! (para que despois a empresa encargada -Grupo BAP&Conde, SA- se adique a promocionar o web de balde facendo abuso dos foros gratuitos como foi o caso en Fillos de Galicia, pero ese é outro cantar…) que é unha campaña que non sei o efecto tería na sociedade galega nin cantos rapaces se animarían a falar máis galego grazas a ela…

E non podo deixar de preguntarme, tendo en mente o mesmo que tiña cando apoiaba unha campaña a prol da música galega copyleft, e aquel comentario que me fixera Xurxo Souto hai xa uns anos, acerca de que facer música achegada á xente nova en galego facía moito máis polo idioma que todas as campañas institucionais.

E digo eu, como proposta derivada da reflexión anterior… por que non meter ese millón de euros en financiar a composición e publicación de música galega baixo licencia copyleft? A repercusión podería ser moitísimo maior que con campañas de tan dubidosa calidade e eficacia como a de Galego E Logo, tendo en conta que a música é un vehículo ideal para chegar á xente nova, que é coa que temos o problema máis grave hoxe en día no tema lingüístico (como puidemos ver hai pouco co documental Linguas Cruzadas de María Yáñez), e que eles mesmos farían de divulgadores pasándose os centos de cancións que se poderían producir con ese orzamento. E non debemos rachar as vestiduras por propoñermos financiar cultura con diñeiro público: sempre se fixo dunha ou outra forma, faise tamén noutras artes, e neste caso está máis que xustificado se o que se quere é salvar unha lingua que fai parte indivisible desa cultura.

Supoño que un grupo máis ou menos profesional (deixemos a unha banda aos máis grandes da nosa música e aos máis amateurs) podería perfectamente producirse 1 canción (algúns ate un álbume enteiro) por 2.500 euros, por poñer unha cifra. Iso quere dicir que cun millón poderiamos ter na Rede dispoñibles para baixaren todos os galegos (de todo o mundo, non o esquezamos) 400 cancións galegas copyleft.

Non terían máis efecto que a campaña millonaria Galego E Logo?