Archivo
Analfabetos electrónicos
Non me deixará de indignar nunca o atrevida que é a ignorancia dalgúns usuarios da Rede. Porque o que non me extraña é que haxa esa ignorancia, de feito estamos a meter a millóns de persoas nun novo sistema de comunicación sen a máis mínima preparación sobre os seus códigos. É como se de súpeto tivésemos que compartir as autoestradas con milleiros de condutores noveles e sen carnet ao volante de coches do trinque.
Os problemas xorden cando te atopas nas ciberestradas con algún destes neointernautas (ou non tan neos) e che rifa por ires pola dereita, ou por non o avisar dun troco de sentido malia teres ti marcado correctamente cun intermitente do cal o analfabeto descoñece o significado.
É aí cando o internauta veterán se alporiza e lle ferve a cabeza. Como a estas alturas temos que aturar que alguén nos diga cousas como: «a min non te me atrevas a esmiuzar a miña mensaxe cando ma respondas» ou «é moi maleducado copiares e pegares as miñas frases» cando un emprega o clásico e practiquísimo quoting no e-mail, ou terlle que explicar a un interlocutor que se contesta por riba das mensaxes que responde, vólvese unha tolemia manter unha conversa mediante e-mails sucesivos!!? Ou mesmo ter que recibir unha bronca porque un necio de funcionario non sabe interpretar o emoticono máis sinxelo?
Se é que non deberían vender coches a quen non demostrou saber as normas de circulación! >:-(