Analfabetos electrónicos
Non me deixará de indignar nunca o atrevida que é a ignorancia dalgúns usuarios da Rede. Porque o que non me extraña é que haxa esa ignorancia, de feito estamos a meter a millóns de persoas nun novo sistema de comunicación sen a máis mínima preparación sobre os seus códigos. É como se de súpeto tivésemos que compartir as autoestradas con milleiros de condutores noveles e sen carnet ao volante de coches do trinque.
Os problemas xorden cando te atopas nas ciberestradas con algún destes neointernautas (ou non tan neos) e che rifa por ires pola dereita, ou por non o avisar dun troco de sentido malia teres ti marcado correctamente cun intermitente do cal o analfabeto descoñece o significado.
É aí cando o internauta veterán se alporiza e lle ferve a cabeza. Como a estas alturas temos que aturar que alguén nos diga cousas como: «a min non te me atrevas a esmiuzar a miña mensaxe cando ma respondas» ou «é moi maleducado copiares e pegares as miñas frases» cando un emprega o clásico e practiquísimo quoting no e-mail, ou terlle que explicar a un interlocutor que se contesta por riba das mensaxes que responde, vólvese unha tolemia manter unha conversa mediante e-mails sucesivos!!? Ou mesmo ter que recibir unha bronca porque un necio de funcionario non sabe interpretar o emoticono máis sinxelo?
Se é que non deberían vender coches a quen non demostrou saber as normas de circulación! >:-(
A ignorancia dos analfabetos electrónicos non deixa de me sorprender: hoxe chegoume esta mensaxe dun co-listeiro e co-afiliado nunha asociación da que fago parte:
É o cumio do analfabetismo! Esta mensaxe nun ton de advertencia ou aviso denota que nin o remitente nin eses supostos incomodados teñen a máis mínima idea do que son os emoticonos, para que serven e a súa recomendación dentro do contexto xeral da netiqueta. Manda carallo na Habana!
O mellor é como chama aos emoticonos: «caralladas destas». Penso que habería que incorporalo aos dicionarios de xerga internética ;-P
…e na súa definición: «Emoticono: carallada que denota profunda falta de respecto» X-D
Aínda hai poucos días que outro internauta me reprochaba ese xeito tan «estraño» de responderme aos correos electrónicos… A túa forma de argumentar é complicada de seguir. Explícome: Desguazar o meu texto para introducir frases… Ou sexa, que me botaba en cara usar o quoting 😀