Archivo
Pero que é o que teñen en Chuza contra Fillos?
Dun tempo a esta parte veño notando unha animadversión crecente en Chuza acerca de todo o que teña que ver con Fillos de Galicia e/ou coa miña persoa, cuxa mostra máis evidente serían os comentarios de su alma mater, Berto Yáñez. A última mostra foi o descarte dunha nova na que denunciaba unhas declaracións do BNG que eu consideraba insultantes para a nosa Diáspora: aínda que xa sabía que podía ser considerada infracción das normas de Chuza, pedín indulxencia e expliquei que o motivo era que non foran reproducidas en ningunha outra parte da Internet, e por iso tiña que ligar coa miña propia testemuña das declaracións publicada no lugar onde pensei que a debía publicar: Fillos.org. A gravidade desas declaracións pensaba que xustificarían rozar (?) a vulneración das normas.
A reacción dos chuceiros foi sorprendente. Comezando por Berto, que en troques de falar do tema (non será afiliado do Bloque por casualidade?), adicouse a revisar as miñas anteriores novas enviadas e nun acto de inxustiza e falta de rigor absoluto mencionou que «12 das 16 que enviou casdeiro son de proxectos propios/satélites de fillos» e facendo a continuación burla da falta de compromiso que denunciamos en repetidas ocasións, da sociedade galega. Se este é o compromiso de Berto Yáñez con Fillos de Galicia, case estamos mellor sen el. E se aínda non comprendeu a diferenza entre chuzar unha nova emitida por un web e facerse socio ou colaborar dalgunha outra maneira activa e permanente coa organización responsable dese web, igual é que aínda non entende ben como funciona este mundo (de Internet, claro).
En primeiro lugar, se eu envío novas publicadas nos webs de Fillos, será porque non hai outro chuceiro que se digne a facelo, outra mostra máis que hai unha Galiza que vira as costas á Diáspora e que non se preocupa polo que dicimos ou o que facemos, a non ser para criticarnos ou insultarnos (v.g. cancro). Grazas a Deus hai outra Galiza que si se interesa… e por iso esas novas foron enviadas pola comunidade a portada. Ademais nego que sexan autobombo xa que doutro xeito terían sido descartadas polos propios usuarios de Chuza, non é? 😉
Por outra banda as novas só se refiren aos proxectos ou actividades de Fillos en 7 ocasións, non 12. E si, pode ser aínda así un número alto, pero insisto en que se outros usuarios chuceiros fixesen o envío non tería que facelo eu. Que non son interesantes? Ben, daquela non terían recibido tantas chuzadas, non é? Así que algo falla: Fillos emite novas que son consideradas de interese polos usuarios de Chuza pero se non as enviamos nós, non son enviadas por ninguén. Iso quere dicir que hai algo que falla, que hai un valo invisible entre certos internautas galegos e os webs da Diáspora.
Habería tamén que revisar, xa postos, a maioría de os comentarios de Berto a novas enviadas por min para ver que existe algún tipo de teima en contra do que eu envío, represento, comunico ou solicito, sexa cal sexa o tema de fondo. Os comentarios de Berto soen estar inzados de críticas, polo xeral pouco ou nada argumentadas, condescendencia, tendenciosidade ou simplemente datos falsos.
A isto engadiría que nun recente traballo sobre redes sociais galegas, no que Berto foi co-autor, a presenza de Fillos de Galicia, unha pioneira comunidade virtual (a denominación que se usaba antes da moda Web 2.0 ás redes sociais) galega, limítase a unha brevísima mención, imaxino que por compromiso entre non recoñecernos e non omitirnos, non fora que alguén considerase que o seu traballo era incompleto.
Eu non sei cando empezou todo isto pero lembro un momento que se cadra ten algo que ver: as miñas críticas sobre a renovación de Vieiros onde Berto disque participou, e onde eu era colaborador ate que me debín quedar perdido na mudanza entre versións. Se é este o motivo, e Berto me quere coller xenreira prégolle que teña un chisco máis de sentidiño e separe o que é Fillos de Galicia, onde eu son un máis, do que teña contra a miña persoa, e respecte o que fai esta organización/comunidade e se deixe destes boicotes ou censuras brandos contra as novas que teñan o pecado de conter algunha URL de Fillos.