Resultados de la búsqueda

Keyword: ‘xunta’

Xuntanza Dixital fuxe cara a Google

Os impresentables que xestionan a ilegal lista de correo Xuntanza Dixital abandonan os Yahoo! Groups e pasan a Google Groups, sospeito que expulsados por incumpriren as normas do servizo en canto a non subscribir enderezos de email sen permiso previo.

Eu cansárame aí atrás de denuncialo a Yahoo! e lamentablemente esta empresa non aplicaba as súas propias normas e dicíame que me borrase eu do grupo. Se cadra recibiron finalmente tantas queixas que decidiron expulsalos do servizo.

Engadir persoas sen o seu permiso a unha lista de correo é ilegal, polo menos en España, e esta xente adicouse a coller enderezos por todas partes (nutríndose de todos os que participaban en Fillos de Galicia, p.ex.) e a incluílos na súa lista sen permiso.

É vergoñento que este tipo de iniciativas se aproveiten dunha maneira ilícita do labor que vimos facendo outros na Diáspora cumprindo escrupulosamente as normas da netiqueta e a lexislación de protección de datos. E despois presumen de tolerantes nas súas mensaxes:

Toda a información sobre a Comunidade Galega na Argentina. Publicamos todo o que nos fan chegar porque só cando hai masa crítica, hai conciencia. Só con diversidade e toleráncia (sic) podense (sic) construir sociedades mellores e mais xustas. Asi é que saia publicado non significa que estexamos (sic) de acordo.

Pois non, señores. Non todo se pode tolerar, sobre todo cando afecta a dereitos fundamentais como é o da privacidade.

A Xunta contrata cunha empresa que nega a historia de Galiza

…Esa empresa chámase Microsoft. Non soamente supón unha incoherencia a contratación efectuada polos dirixentes da Xunta co que eles mesmos enuncian no seu plan estratéxico da Sociedade da Información (comprar licencias de software propietario por valor de 1 millón e medio de euros, cando enches a boca dicindo apoiar o software libre), senón que supón unha mostra de falta de autorrespeto porque a Encarta, a famosa enciclopedia dixital editada por esta empresa, nega a existencia do Reino de Galiza, seguindo as liñas historiográficas do nacionalismo español. E se non o credes, e tedes a man esta enciclopedia, buscade «Reino de Asturias» e veredes como pouco máis que Asturias anexionou Galiza no século VIII!

Imaxinades ao goberno catalán contratando cunha empresa que negase nos seus produtos culturais a historia de Cataluña?

Categorías: De Reti Publica

Perplexo (Xunta de Galicia e Internet, capítulo enésimo)

09/02/2007 1 comentario

Perplexo fiquei onte. Por unha mensaxe recibida da Secretaría Xeral de Política Lingüística en resposta a unha consulta miña sobre unha convocatoria de subvencións. Por varios motivos, que falan por unha banda de novos exemplos da incomprensible forma de traballar coa tecnoloxía na nosa querida Xunta, e por outra simplemente de novas ocasións que nos dan os funcionarios para a perplexidade. Por se tiñamos poucos.

A cousa foi que eu fixera unha consulta o día 18 de Xaneiro sobre a devandita convocatoria de subvencións. Por e-mail, xa que non conseguía falar por teléfono coa Secretaría Xeral. Pensei eu, na miña inxenuidade, que co correo-e aproveitaría a asincronicidade e evitaría o problema típico dos sistemas síncronos de comunicación, de que non cadrara que estaban dispoñibles os funcionarios cando eu os chamaba. Iluso!

O día 24 como non respondían, reenviei a mensaxe. Finalmente optei por insistir co teléfono ate que conseguir resolver a miña dúbida.

O máis chistoso do caso é que onte, 3 días antes do remate do prazo (ou o que eu pensaba que era o remate do prazo… vid. infra) para a presentación das solicitudes, recibín o acuse de recibo de ambas as dúas mensaxes (collín costume de enviar sempre á administración as mensaxes de e-mail con acuse de recibo e aconsello a todo o mundo que o faga, porque así poderán alucinar a cores ao ver canto tardan en ler os correos, se é que chegan a lelos, porque de todo pasa), e a contestación. É dicir, 3 semanas despois de ter enviado o meu e-mail. Moitas mensaxes deben ter que atender na Secretaría Xeral que tardan tanto, non che digo en responder senón tan só en ler as mensaxes. Para iso ofrecen o contacto vía e-mail? Para outro tanto case mellor que non deran ningún, porque levan á xente a engano. Paréceme algo que non é de recibo nunha administración pública de ningún tipo.

Comentario aparte merece a resposta en si. Por un lado venme dicir que a frase da convocatoria que eu non entendía, evidentemente quería dicir tal e cal… Parece que debía ser a persoa que me respondía a que redactou a convocatoria, porque iso que tan evidente lle parecía, para min non o era tanto, e cando conseguira falar por primeira vez coa Secretaría, nin a funcionaria que me atendeu nin unha compañeira a quen lle tivo que preguntar conseguían comprender o sentido daquela frase. Por outra banda, 20 días despois de lle ter feito a consulta vai e advírteme de que o prazo remata ao día seguinte. Xa lle contestei que menos mal que non estaba a esperar a súa resposta electrónica e decidírame había tempo a insistir por medios máis arcaicos… que se non, tíñao claro. E ademais foi moi curioso, porque para esta persoa que tan evidentes son as partes crípticas dos textos oficiais, parece que non o son tanto as partes que a outros nos resultan diáfanas. Porque eu entendía cando dicía o DOG que o prazo era de un mes a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución (9 de Xaneiro), que iso quería dicir que remataba o 10 de Febreiro. Pois non, segundo me dixo (menos mal!), remataba o día seguinte de cando ela me escribía: o 9 de Febreiro. Que alguén mo explique!

En fin, cousas veredes, e coa Xunta e tendo a Internet polo medio… aínda máis! 😦

Categorías: De Reti Publica

Concellos galegos en Internet: a Xunta recolle a luva

Xusto dous meses despois do impacto producido en certos medios do I Informe sobre a presenza en Internet dos concellos galegos, dirixido por min para RedeGalega.org (o departamento de servizos de Internet da A.C. Fillos de Galicia), a Xunta recolle a luva guindada por nós. Concretamente Vieiros nos informa de que o director xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, Juan José Gómez Romero, vai liderar unha mellora e unha vixianza permanente desta presenza web. Aplaudimos a iniciativa e espero que recoñezan a decisiva importancia do noso informe nesta iniciativa. E mesmo que conten connosco para eses traballos.

O que non sei moi ben cómo interpretar é cando se di na nova que:

Gómez Romero recoñeceu que as análises que se realizaran deica agora fixéronse sen a implicación dos propios concellos, de forma que os propios gobernos municipais non chegan a ser conscientes dos seus défices en internet.

Albíscase algo así coma un reproche nesa alusión ao noso informe? Claro que o fixemos sen a implicación dos concellos. Porque non temos os recursos dos que poden dispoñer as administracións públicas para abrir canles de comunicación globais con eles; xa abondo traballo foi facer o estudo dos webs como para gastar un tempo que ninguén nos pagaba en contactar con eles previamente. Así de triste e así de sinxelo.

Ademais… que tería achegado? A maioría deles non saben nin o que teñen en Internet. Non se entende doutro xeito que poidan ter uns webs tan defectuosos. E o vencello que fai Gómez Romero entre implicación e consciencia non o vexo eu tan claro. Se se parte dunha implicación do concello (de que tipo, por certo?) vaise asegurar que lles chegue mellor a análise, que se lles meta na cabeza a súa mensaxe? Home, se a encargan eles, é posible. Pero unha iniciativa como a de RedeGalega, que eles non encargaron e da que non tiñan coñecemento, penso que non é atranco ningún para que sexan conscientes dos resultados. Seica non len a prensa? Cantas veces temos chamado aos concellos desde Fillos de Galicia para non conseguir falar case nunca cun interlocutor axeitado! RedeGalega comunicou os resultados á sociedade a través dos medios de comunicación. E de aí chegou ás institucións, o cal demostra que o camiño non era ineficaz.

Por suposto que a comunicación podía ter sido mellor e os resultados chegar antes ou ser máis decididos, pero a optimización dos nosos precarios recursos fixo que non tivéramos opción.

Agora estaremos atentos ás medidas que se tomen. Nós estamos á disposición tanto de cada concello como de calquera departamento da Xunta ou da FEGAMP para colaborar na mellora da presenza en Internet dos concellos.

Eles non se preocuparon ate o de agora, iso é un feito. Agora fano grazas ao noso informe. Para nós xa é unha proba de que o informe deu os seus froitos positivos.

Xunta, notas de prensa e formatos propietarios

Xa vai sendo horas de que o troco de Goberno en Galiza se reflicta tamén no uso da tecnoloxía: para cándo pensan deixar de enviar as notas de prensa en formato Microsoft Word? Descoñecen o PDF ou o RTF, é simple preguiza ou teñen un convenio con Microsoft para nos obrigar a todos os receptores das notas enviadas por gabinete.comunicacion@xunta.es a comprarmos unha licencia dese programa?

Categorías: De Reti Publica

O fracaso do «crowdfunding» da Guía de Internet para organizacións sociais (#GIOSgz)

29/05/2013 2 comentarios

Cabeceira do proxecto GIOS en Verkami: Guía de Internet para as Organizacións SociaisHoxe 29 de maio remataron para o meu proxecto GIOS os 40 días de prazo que plataforma Verkami dá para xuntar apoios efectivos (compromisos de achegas) aos proxectos. Tras este prazo crowdfunding para elaborar, editar e distribuír este libro dirixido aos movementos sociais galegos, só acadou 390 euros dos 4.012 que calculara había costar facelo: é dicir, tan só un 9,72%. Isto só pode ser calificado como un rotundo fracaso.

Aínda que levo dándolle voltas a cáles puideron ser as causas deste fracaso xa desde hai tempo (víase que as achegas non só non eran cada vez maiores senón que se ralentizaba a súa chegada a cada semana que pasaba), e xa a finais da semana pasada cando vin que tuits coma este non obtiñan nin un só retuit, tiña claro que non íamos conseguir o obxectivo, quixen deixar ata hoxe a publicación deste reflexión ao respecto.

Que fallou neste proxecto?

En primeiro lugar analizaremos o propio obxectivo do proxecto. Non necesitan as organizacións sociais galegas formarse para aproveitaren mellor as posibilidades de Internet? Eu sego a pensar que si, porque a miña experiencia cotiá de moitos anos en contacto e colaboración con elas, desde dentro e desde fóra, así mo di. É algo que comprobo cada día, vendo carencias de todo tipo, desde pequenos detalles técnicos a grandes erros por falta de estratexia ou coñecemento do que ofrece a Rede. E por se está impresión subxectiva non fose pouco, recibín numerosos apoios (non falo de achegas expresas ao crowdfunding) de persoas que lle deron a benvida ao proxecto (por email, mediante redifusión en Twitter e Facebook, etc.). Copio aquí algunhas como mostra desta boa recepción:

paréceme un proxecto moi interesante, e ben planificado!

Muito interessante Manuel!

Góstame moito! (…) Moverei o crowdfunding!

Moi boa idea! Botareille un ollo.

Moi bo o contido e ben completiño.

A verdade é que o proxecto nos parece moi interesante.

[Na nosa organización] estamos moi interesados neste proxecto dende que o puxeches en marcha.

Por tanto ese non é o problema: necesitar, necesitan formación. E por se o índice proposto de contidos non se axustase optimamente ao que o público precisaba, fixen unha enquisa acerca das posibles melloras ou ampliacións, facendo o proxecto aberto á participación e case podíamos dicir que á demanda dos potenciais lectores. O problema cál é entón? Tentarei analizar algunhas posibles explicacións:

  • O formato non era o idóneo? Aínda que houbo algunhas críticas á licenza coa que se ía publicar o libro, non houbo críticas directas ao feito de que fose ser un libro, formato elexido conscientemente para facilitar que ninguén quedase fóra por non ser usuaria/o tecnolóxica/o avanzada/o, afeito a ler libros electrónicos. Procurei o formato máis cómodo e ao alcance de máis xente, co obxectivo tamén de que formase parte dos recursos bibliográficos das organizacións, para ser compartido entre os seus membros e pasado de man en man. Iso non creo que isto fose tampouco, por tanto, o problema.
  • Non tivo suficiente eco nos medios de comunicación? Aínda que medios como Praza Pública, Código Cero, Galicia Confidencial, Radio Fusión e Radio Cerna se fixeron eco (algúns moi eloxiosamente, por certo), por suposto tería vido ben máis difusión en medios de maior alcance. Aínda así, para a difusión que tivo, o apoio considero que foi demasiado escaso, é dicir, non foi proporcional á súa difusión pública; así que algo máis tivo que fallar. (Por certo que desde aquí dou de novo as grazas aos medios de comunicación que o destes a coñecer ao voso público.)
  • Foi un metaproblema? É dicir, foi un erro tentar financiar mediante Internet unha obra para os que non usan moito ou moi ben Internet? Se cadra aí pode estar un dos aspectos críticos que fixo fracasar o proxecto, aínda que estou convencido de que chegou a moita máis xente con capacidade e coñecemento para apoiar un crowdfunding que tan só 19 mecenas que rexistrou o proxecto. Así que pode que influira, pero penso que non foi decisivo.
  • O problema foi o medio de pagamento? Teño constancia de que algunhas persoas moi interesadas no proxecto tiveron algúns problemas para facer o compromiso de pagamento en Verkami, pois a plataforma só admite pagar con tarxeta de crédito. As empresas é doado que dispoñan dunha tarxeta de crédito para gastos, pero nas organizacións sen ánimo de lucro é moito máis difícil e raro. Mesmo os activistas en moitas ocasións non dispoñen persoalmente deste medio, cada vez máis difícil de conseguir pola situación financeira. Eu mesmo non dispoño de tarxeta, e polo tanto de ter querido apoiar un proxecto semellante tamén tería problemas para facelo. Velaquí un dos que penso puideron ser principais problemas, aínda que debo recoñecer que me estraña que se foi este o caso para moitos potenciais interesados, só unha persoa me preguntase cómo apoiar sen tarxeta… se cadra a explicación está en que eu xa publicara a resposta nas páxinas do proxecto en Verkami e por iso xa se deron por contestados sen acodiren a min directamente. A verdade é este punto non o teño nada claro :-/
  • Estaba dirixido a un público demasiado escaso? A propia xente de Verkami me apuntaba en varias ocasións que ao estar só dirixido a ONGs e similares, e só galegas, o público era moi reducido. É posible, pero aínda así, das ducias de organizacións contactadas directamente por min ou que o coñeceron polos medios de comunicación alternativos que lle deron voz, e dos centos de activistas que contactei por email… parece demasiado escaso obter só 19 persoas/entidades interesadas. Algo máis tivo que fallar: o mercado era pequeno, pero non tanto.
  • Non interesaban as recompensas? Penso que claramente non foi este o problema, porque o propio libro xa debía ter sido suficiente recompensa, e podía obterse desde 10 euros, con envío incluído. Por se fose pouco, engadín variadas posibilidades a medida de todas as organizacións, mesmo con asesoramento de balde incluído, que podía ser online ou presencial, segundo a recompensa elexida. Así que non creo que fallase por este lado o crowdfunding.
  • Fallou a miña maneira de xestionar o crowdfunding? Penso en definitiva que é a única explicación que podo recoñecer como principal factor deste fracaso. Aínda que teimei moito e concentrándome nos primeiros días en bombardear por email a todos os meus contactos que coidei podían estar interesados en apoiar ou difundir o proxecto, está claro que non obtiven a resposta esperada deles. Se cadra me volquei demasiado no correo electrónico, deixando de lado medios que captan máis e mellor a atención dos usuarios hoxe en día, como as redes sociais online, aínda que tamén insistín moito, sobre todo en Twitter, a que máis uso, mesmo cunha hashtag propia (que por certo, apenas usou ninguén máis: é dicir, non xerei conversa en torno ao proxecto nesta rede de microblogging). Facebook, aínda sendo unha rede social que detesto por moitos motivos, tamén foi centro da miña difusión, cunha cabeceira permanente durante o tempo que durou o crowdfunding, e periódicos recordatorios expresamente enviados ou que saían automaticamente procedentes do meu blog principal.

    O problema de ter empregado o email directo a potenciais interesados pode que me expusese a un dos problemas que temos todos (e as organizacións sociais tamén) hoxe en día coa Rede: a saturación de correos, parte do proceso xeral de infoxicación, de sobreinformación, de ruído dixital, que nos dificulta a selección e filtrado do realmente importante e a obtención de coñecemento útil. Procurei paliar este problema con asuntos claros e directos, que animasen a abrir a mensaxe… pero teño para min que boa parte dos centos de mensaxes que enviei durante estes 40 días non foron nin abertos, ou quedaron aparcados para tomar a decisión máis adiante ou para ir simplemente ler de qué ía o proxecto… e ao final a chegada de novos mails fixo que quedasen enterrados. É dicir a Guía tería sido —se esta hipótese é certa— vítima dun dos problemas que quería combater, o cal sería tristemente paradoxal.

    Por se esta actividade difusora non abondaba, tamén tivo o proxecto presenza no meu blog mediante un artigo (talvez debera ter publicado máis?) e o widget de Verkami. Mesmo crei unha páxina no meu wiki persoal referida ao proxecto. Agora penso que foi demasiado pouca presenza e debía ter insistido máis e de maneira máis diversa con contidos de función promocional.

    Procurei tamén levar un control e rexistro das accións realizadas, aínda que non fixen un plan de promoción online previo, como adoito facer cos proxectos que asesoro… Se cadra este tamén foi un erro importante e pequei dun dos propios fallos que pretendía combater co libro nas organizacións. En casa do ferreiro… :-(.

    Tampouco dispuxen de demasiado tempo para xestionar ben o proxecto e iso puido ser outro factor que contribuíse ao fracaso: seica non cheguei a quen tiña que chegar, ou non polas vías que tiña que telo feito. Ao final é un problema que arrastran moitos dos proxectos que poño en marcha ou nos que participo: por falta de adicación e exceso de dispersión entre varios proxectos e actividades, acaban non collendo pulo dabondo e esmorecen ou fracasan directamente, como foi o caso. O meu reparto de tempo vital actualmente é bastante complicado e certamente moi ríxido, limitándome en moitas ocasións. A urxencia da colaboración con outros proxectos (nestes tempo nomeadamente a loita contra a minaría destrutiva) tamén lastra o avance do resto, e penso que isto tamén pasou nesta ocasión.
  • O público non percibiu que lle fixese falta o libro? Se cadra tamén houbo moito disto, porque aínda que as 19 persoas e entidades que se comprometeron a apoialo o fixeron sen dubidalo na maior parte dos casos, a inmensa maioría dos que o coñeceron, que leron o proxecto ou algún dos artigos que falaban del, á vista está que pensaron non o necesitar. Deixamos aparte outros problemas como a limitación da tarxeta… Se houbese verdadeiro interese, terían buscado o xeito (non é tan difícil localizar unha persoa amiga que pague por nós e nós darlle os euros en metálico). Por tanto penso que malia todos os demais fallos, incluídos os importantes erros que só son responsabilidade miña, houbo unha escasísima plasmación do interese. Ou as organizacións sociais galegas pensan que non precisan mellorar a súa formación para un uso óptimo de Internet ou ben por desleixo non materializaron ese interese nun apoio á publicación que eu propuña. Precisamente o descoñecemento de Internet pode ter o perverso efecto de facer que se descoñeza cánto é o que se descoñece. Non é algo tan raro, de feito sucede con moitos aspectos da formación das persoas: primeiro debes percibir que o teu coñecemento é escaso ou mellorable, antes de te interesares por amplialo. Pode que aquí tamén estivese outro fallo meu: se cadra debín ter falado máis (mediante artigos no meu blog, nos medios amigos…) de por qué as organizacións precisaban este libro. Estou seguro de que precisamente no campo de Internet, a percepción dos fallos é máis difícil: teño comprobado repetidamente como a ignorancia é moi atrevida na Rede, e en moitos casos a xente que fai mal as cousas en Internet adoita negalo teimosamente na práctica e pensa e actúa como se o seu uso de Internet fose perfecto. Se cadra hai algo disto en moitas organizacións: hai unha ou dúas persoas que levan o de Internet, e con iso teñen un certo poder na organización, un certo control. Se cadra por iso, aínda que se arrisquen a non mellorar, non quere facer explícita a súa carencia diante do resto de compañeiros… De todos xeitos, se este era un problema, podían ter apoiado individualmente o proxecto, sen ter que pasar pola organización recoñendo: «Ollade, preciso que nos fagamos con esta Guía porque en realidade non sei tanto de Internet como vós credes». Ou máis ben o que hai é simplemente unha sensación de autosuficiencia un tanto arrogante, que nos leva a pensar que non precisamos axuda, e que total, en Internet todo é de balde… por que habíamos de pagar por formarnos? En Internet hai de todo e se quero aprender a facer algo, xa o buscarei na Rede… É dicir, falta de conciencia sobre a necesidade dunha visión integral da Rede como contexto para a consecución coherente de obxectivos nas organizacións. Se foi esa unha razón do fracaso, entón a Guía foi vítima do propio problema que tentaba resolver.

En definitiva, non podo determinar obxectivamente a razón deste fracaso, pero directa ou indirectamente coido que se o proxecto non saiu adiante foi fallo meu en boa medida, por non ter trasmitido en toda a súa amplitude o que podía ofrecer e non ter feito ver aos que se podían beneficiar del, como podía repercutir na mellora do que agora fan (ou deixan de facer) na Internet. Haberá que aprender para outra…

Agora quedan as consecuencias do fracaso a nivel práctico. Tomo nota do sucedido e aplicarei certas conclusións á miña actividade:

  • Seguirei probando a vía do crowdfunding, aínda que probablemente noutras plataformas e noutras temáticas totalmente distintas, e tras un periodo de maduración destas primeiras reflexións.
  • As persoas que apoiaron o proxecto merecen todo o meu recoñecemento e buscarei a maneira de axudalas, aínda que non saíra adiante o libro que elas querían. O que non farei será volver tentar algo como esta Guía. Lamentablemente será un esforzo moito maior có que tería sido un só libro para formar nos aspectos fundamentais a centos de persoas.
  • Seguirei ofrecendo a miña colaboración na área de Internet ás organizacións sociais galegas, aínda que nunha escala e dunha maneira diferente a partir de agora, centrando moito máis os meus esforzos e seleccionando moito máis. Non podo evitar sacar de conclusión deste proxecto de Guía que moitas delas non recoñecen precisar axuda neste terreo e se consideran (na miña opinión, erradamente) autosuficientes.
  • Por outra banda, na miña situación vital actual e tendo en conta o contexto e evolución da nosa sociedade, non creo que volva haber unha oportunidade para realizar unha publicación que forme nestes temas ao conxunto do tecido activista galego, polo menos non pola miña banda. Se a guía non espertou interese dabondo entre os seus destinatarios finais, é difícil crer que unha editorial (ao fin e ao cabo un intermediario comercial) queira sacalo, e menos nas condicións dun pagamento por adiantado como facilita o crowdfunding. Se cadra outro/a autor(a) ten máis sorte ou outra maneira de facelo.

Política lingüística: En que meter un millón de euros?

10/06/2007 1 comentario

Logo de Galego e Logo (valla a redundancia)Levo xa varias semanas querendo pararme a falar disto en Res Rética pero non dei sacado tempo ate o de agora. Quero comentar aínda que só sexa por riba o que a min me parece unha forma pouco eficiente de gastar as partidas orzamentais que ten a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta. Vexo que gastan un millón de euros nunha campaña como Galego E Logo! (para que despois a empresa encargada -Grupo BAP&Conde, SA- se adique a promocionar o web de balde facendo abuso dos foros gratuitos como foi o caso en Fillos de Galicia, pero ese é outro cantar…) que é unha campaña que non sei o efecto tería na sociedade galega nin cantos rapaces se animarían a falar máis galego grazas a ela…

E non podo deixar de preguntarme, tendo en mente o mesmo que tiña cando apoiaba unha campaña a prol da música galega copyleft, e aquel comentario que me fixera Xurxo Souto hai xa uns anos, acerca de que facer música achegada á xente nova en galego facía moito máis polo idioma que todas as campañas institucionais.

E digo eu, como proposta derivada da reflexión anterior… por que non meter ese millón de euros en financiar a composición e publicación de música galega baixo licencia copyleft? A repercusión podería ser moitísimo maior que con campañas de tan dubidosa calidade e eficacia como a de Galego E Logo, tendo en conta que a música é un vehículo ideal para chegar á xente nova, que é coa que temos o problema máis grave hoxe en día no tema lingüístico (como puidemos ver hai pouco co documental Linguas Cruzadas de María Yáñez), e que eles mesmos farían de divulgadores pasándose os centos de cancións que se poderían producir con ese orzamento. E non debemos rachar as vestiduras por propoñermos financiar cultura con diñeiro público: sempre se fixo dunha ou outra forma, faise tamén noutras artes, e neste caso está máis que xustificado se o que se quere é salvar unha lingua que fai parte indivisible desa cultura.

Supoño que un grupo máis ou menos profesional (deixemos a unha banda aos máis grandes da nosa música e aos máis amateurs) podería perfectamente producirse 1 canción (algúns ate un álbume enteiro) por 2.500 euros, por poñer unha cifra. Iso quere dicir que cun millón poderiamos ter na Rede dispoñibles para baixaren todos os galegos (de todo o mundo, non o esquezamos) 400 cancións galegas copyleft.

Non terían máis efecto que a campaña millonaria Galego E Logo?

Gasta con xeito a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

21/02/2007 5 comentarios

Coñecidas son as miñas repetidas críticas ás accións da actual Secretaría Xeral de Emigración na Rede, dirixida por Manuel Luis Rodríguez (PSOE) e que son continuación e ampliación das efetuadas no pasado pola Consellaría de Emigración do PP. Estas críticas pretenden salientar fundamentalmente dous puntos: en Emigración non están a demostrar un coñecemento axeitado do funcionamento e posibilidades da Rede, e están pecando de ineficiencia ao dilapidar fortes sumas de diñeiros público en proxectos sen resultado, ou cando menos que teñen resultados non proporcionais ao investimento que realizan.

O último dato neste sentido veu hai un mes cando vimos que se convocaba un concurso para a xestión do portal GaliciaAberta (poden os lectores interesados atopar moita información sobre o que opino da creación deste portal por parte do goberno do PP e da súa total asunción e continuación por parte dos actuais responsables do PSOE tanto en PlanetaGalego como neste mesmo blog). Desa convocatoria puiden extraer lamentables conclusións:

  • O custo do portal está nos 20.000 euros mensuais.
  • O portal fai uso das tecnoloxías máis caras do mercado (CMS Vignette, Websphere de IBM, bases de datos Oracle, etc.), non sabemos en beneficio de quen, desde logo non dos cidadáns nin das arcas públicas cando hai alternativas de software libre que fornecen resultados equivalentes.
  • Aínda que o portal teña uns contidos oficiais ou gobernamentais, boa parte del replica a estrutura, contidos e servizos da comunidade virtual Fillos.org, cuxa xestión custa menos de 4.600 euros mensuais: o custo total de todo o que fai a Asociación Cultural Fillos de Galicia, que de feito inclúe máis labores cá xestión de Fillos.org, foi no 2006 de 55.000 euros. É dicir menos do 23% do que custa GaliciaAberta.
  • O prazo para presentar ofertas, para un proxecto desa contía e cun prego de especificacións técnicas moi ríxidas, era de 8 días. Algo inaudito e que eu me pregunto se é mesmo legal. Que empresa podería optar a ese concurso en tan breve prazo e cunhas condicións tan pechadas? Calquera podería pensar que se quería que unicamente se puidese presentar a empresa que creou o portal! Que xustificación existe para ter publicado este concurso por vía de tramitación urxente?

Iso vense sumar a outros comporamentos de difícil xustificación por parte dos responsables de Emigración, como a resposta que nos deron cando desde Fillos de Galicia insistimos o ano pasado en coñecer o custo de creación e mantemento de GaliciaAberta: «Iso non é asunto voso». Seica coñecer canto gasta a Administración, como e en que o gasta non é asunto dos cidadáns! Alabada sexa a trasparencia democrática! 😦

En definitiva, non remato de comprender por que non se deixan asesorar, nin polos que levamos anos traballando nun campo (Internet) que aínda se demostra que é demasiado novo para eles, e que concentramos a maioría do público da nosa emigración nese campo, e tampouco por outros departamentos especializados da Xunta, como os responsables de asuntos da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, como lles chegamos a suxerir nós, desesperados ante a actitude de incomprensión e teimosía que me amosaban a finais do ano pasado nun asunto de marketing online no que tiñan aceptado a nosa colaboración.

Canto vale o que fai a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

O portal GaliciaAberta, que tantas veces critiquei desde dentro e fóra de Fillos.org, vale segundo o tasador automático de dominios activos LeapFish, algo menos de 700 dólares. Isto é moi curioso porque aposto a que aos cidadáns de Galiza lles costou bastante máis, grazas a que o anterior goberno da Xunta contratou non se sabe moi ben a quen, non se sabe moi ben por cánto, para facer cun dos CMSs propietarios (con licencia) máis caros que hai (Vignette) unha mala copia dos webs que Fillos.org viña loitando por construir con software ceibe desde moito atrás, e sen apoio público digno de tal nome. Debería alguén tomar nota do resultado: Fillos.org vale para LeapFish máis de 73.000 dólares.

Quen dixo investir con xeito? Quen dixo eficiencia na xestión pública? Quen dixo tirar os cartos? 😉

PS: Agora saíron cunha historia dunha Rede Virtual (alguén me pode explicar que carallo é iso?) do Patrimonio dos Centros Galegos. Están a tempo de non caer no mesmo erro. Ímolos estar vixiando, pero preferiríamos que contasen co noso asesoramento, algo doado tendo un chisco máis de trasparencia e un chisco menos da soberbia e ignorante autosuficiencia á que nos ten acostumados o poder.

Biblos, un pouco de coherencia

Software libre... si, mais tamén no voso web, non é? ;-DAí atrás presentaron os amigos de Biblos Clube de Lectores o libro Software libre: Tecnicamente viábel, economicamente sotíbel e socialmente xusto do experto catalán no tema Jordi Mas. Desde este modesto blog o que me gostaría sería demandar un pouquiño de coherencia a Biblos e que usen tamén este tipo de software na súa tenda online (programada actualmente en ASP, e polo tanto seguramente ubicada nun servidor con Microsoft Windows e Internet Information Server). Habíamosllo de agradecer os usuarios, sobre todo os que non podemos facer pedidos no web pola súa incompatibilidade con navegadores que non sexan o Internet Explorer. A non ser que queiran seguir a liña das administracións públicas, como a Xunta de Galicia, sen ir máis lonxe, que moito promove o software libre, seica, e despois envía todas as súas notas de prensa en formato propietario de Microsoft Word. O software libre demanda coherencia, señores.