Resultados de la búsqueda

Keyword: ‘galiciaaberta’

Gasta con xeito a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

21/02/2007 5 comentarios

Coñecidas son as miñas repetidas críticas ás accións da actual Secretaría Xeral de Emigración na Rede, dirixida por Manuel Luis Rodríguez (PSOE) e que son continuación e ampliación das efetuadas no pasado pola Consellaría de Emigración do PP. Estas críticas pretenden salientar fundamentalmente dous puntos: en Emigración non están a demostrar un coñecemento axeitado do funcionamento e posibilidades da Rede, e están pecando de ineficiencia ao dilapidar fortes sumas de diñeiros público en proxectos sen resultado, ou cando menos que teñen resultados non proporcionais ao investimento que realizan.

O último dato neste sentido veu hai un mes cando vimos que se convocaba un concurso para a xestión do portal GaliciaAberta (poden os lectores interesados atopar moita información sobre o que opino da creación deste portal por parte do goberno do PP e da súa total asunción e continuación por parte dos actuais responsables do PSOE tanto en PlanetaGalego como neste mesmo blog). Desa convocatoria puiden extraer lamentables conclusións:

  • O custo do portal está nos 20.000 euros mensuais.
  • O portal fai uso das tecnoloxías máis caras do mercado (CMS Vignette, Websphere de IBM, bases de datos Oracle, etc.), non sabemos en beneficio de quen, desde logo non dos cidadáns nin das arcas públicas cando hai alternativas de software libre que fornecen resultados equivalentes.
  • Aínda que o portal teña uns contidos oficiais ou gobernamentais, boa parte del replica a estrutura, contidos e servizos da comunidade virtual Fillos.org, cuxa xestión custa menos de 4.600 euros mensuais: o custo total de todo o que fai a Asociación Cultural Fillos de Galicia, que de feito inclúe máis labores cá xestión de Fillos.org, foi no 2006 de 55.000 euros. É dicir menos do 23% do que custa GaliciaAberta.
  • O prazo para presentar ofertas, para un proxecto desa contía e cun prego de especificacións técnicas moi ríxidas, era de 8 días. Algo inaudito e que eu me pregunto se é mesmo legal. Que empresa podería optar a ese concurso en tan breve prazo e cunhas condicións tan pechadas? Calquera podería pensar que se quería que unicamente se puidese presentar a empresa que creou o portal! Que xustificación existe para ter publicado este concurso por vía de tramitación urxente?

Iso vense sumar a outros comporamentos de difícil xustificación por parte dos responsables de Emigración, como a resposta que nos deron cando desde Fillos de Galicia insistimos o ano pasado en coñecer o custo de creación e mantemento de GaliciaAberta: «Iso non é asunto voso». Seica coñecer canto gasta a Administración, como e en que o gasta non é asunto dos cidadáns! Alabada sexa a trasparencia democrática! 😦

En definitiva, non remato de comprender por que non se deixan asesorar, nin polos que levamos anos traballando nun campo (Internet) que aínda se demostra que é demasiado novo para eles, e que concentramos a maioría do público da nosa emigración nese campo, e tampouco por outros departamentos especializados da Xunta, como os responsables de asuntos da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, como lles chegamos a suxerir nós, desesperados ante a actitude de incomprensión e teimosía que me amosaban a finais do ano pasado nun asunto de marketing online no que tiñan aceptado a nosa colaboración.

Canto vale o que fai a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

O portal GaliciaAberta, que tantas veces critiquei desde dentro e fóra de Fillos.org, vale segundo o tasador automático de dominios activos LeapFish, algo menos de 700 dólares. Isto é moi curioso porque aposto a que aos cidadáns de Galiza lles costou bastante máis, grazas a que o anterior goberno da Xunta contratou non se sabe moi ben a quen, non se sabe moi ben por cánto, para facer cun dos CMSs propietarios (con licencia) máis caros que hai (Vignette) unha mala copia dos webs que Fillos.org viña loitando por construir con software ceibe desde moito atrás, e sen apoio público digno de tal nome. Debería alguén tomar nota do resultado: Fillos.org vale para LeapFish máis de 73.000 dólares.

Quen dixo investir con xeito? Quen dixo eficiencia na xestión pública? Quen dixo tirar os cartos? 😉

PS: Agora saíron cunha historia dunha Rede Virtual (alguén me pode explicar que carallo é iso?) do Patrimonio dos Centros Galegos. Están a tempo de non caer no mesmo erro. Ímolos estar vixiando, pero preferiríamos que contasen co noso asesoramento, algo doado tendo un chisco máis de trasparencia e un chisco menos da soberbia e ignorante autosuficiencia á que nos ten acostumados o poder.

Galicia aberta pero desorientada

Onte puiden comprobar cómo o investimento (aínda non averiguamos a cifra exacta) que fixo o anterior goberno da Xunta de Galicia e que o actual está a reforzar, para a creación e xestión do portal GaliciaAberta está a demostrar a súa ineficacia: namentas o noso web Fillos de Galicia tivo esta semana unha suba desde o posto 294.000 e pico de Alexa ao 246.000, o web clónico creado pola Xunta experimentou unha baixada de máis de 1,8 millóns de posicións!

Isto ao meu entender demostra que facer un web cun obxectivo electoralista, sen analisar primeiro os seus obxectivos, trazar unha estratexia de promoción e definir os contidos en función da segmentación do internauta, mesturando emigrantes con inmigrantes, facendo versións en árabe, e sen contar coa colaboración de quen lles levabamos unha vantaxe de 7 anos no uso de Internet para contactar con/entre os emigrantes galegos, ao final supón un despilfarro e un fracaso en termos cuantitativos.

Esperemos que a rectificación estea próxima. Nós puxemos todo da nosa parte para ofrecer a nosa axuda e que reorienten axeitadamente este invento estraño que foi GaliciaAberta, e facelo algo útil e utilizado.

3 anos para colgar un PDF

03/03/2006 2 comentarios

Onte, despois de 3 anos da súa elaboración, por fin puxeron nun web público da Xunta de Galicia o meu traballo «O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descendentes dos emigrantes», que como gañador do premio Galeguidade de ensaio convocado pola anterior Consellaría de Emigración, debía ser publicado polo goberno galego.

E para que así fora tivo que ser necesaria unha viaxe a Galicia e unha entrevista persoal co Secretario Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, dentro do marco das conversas que solicitamos co novo goberno PSdeG-BNG desde a nosa Asociación Fillos de Galicia.

Vou tentar explicar un pouco como foi o conto para que se entenda a axilidade e resposta da administración galega. A primeiros de 2004 xa estaba concedido o premio e eu púxenme en contacto coa Consellaría de Emigración para averiguar cándo sairía editado, xa que as obras gañadoras destes concursos que convocaba Emigración eran publicados por eles, como posuidores dos dereitos, tal e como se desprendía das convocatorias tal e como saían publicadas no DOG. Daquela explicáronme que en principio a intención era que saíra durante o ano 2004, pero que como ás veces se procedía a xuntar varias obras premiadas (en varios anos) pois que mesmo podía tardar 5 anos en saír! Eu, como é lóxico, insistinlles na necesidade de proceder á publicación de obra á maior brevidade posible, xa que tratándose dun ensaio acerca de Internet, logo ficaría desfasado, dada a evolución tan rápida que ten a Rede. Entón propuxen como solución temporal fornecerlles unha versión electrónica en PDF que eles poderían publicar no web da Consellaría.

Daquela tamén lles suxerín proceder eu tamén á publicación en paralelo no web de Fillos ou nalgunha outra ubicación. Curiosamente fixéronme saber que esa publicación pola miña banda, non sería ben vista por eles. E así fiquei, logo, sen poder contribuir doutra forma ao espallamento do contido do ensaio á espera de que puxeran a disposición do público, cando menos e o antes posible, na versión en PDF.

Pero os meses e os anos pasaron e vin que non había noticias nin da publicación impresa nin da electrónica. Mesmo cheguei a pensar que estaban demorando a súa publicación por algunha razón pouco confesable (talvez porque puña en evidencia o seu atraso no terreo de Internet e que Fillos de Galicia, sendo unha iniciativa case sen apoio pola súa banda estaba facendo, como moita xente dicía daquela, o seu traballo?). Polo tanto, e aínda a risco de que non o viran ben (manda truco!) procedín sucesivamente á súa publicación dentro de Galeguidade.net, Fillos.org e no meu web persoal.

Agora, tras darlle a coñecer a situación ao Secretario de Comunidades Galegas, procederon a publicalo por fin, precisamente no web que segundo algunhas opinións, foi deseñado polos anteriores responsables do PP baseándose na miña obra nunca publicada: GaliciaAberta. Iso si, agachado no absurdo listado alfabético de obras da súa sección de libros e cunha URL de centos de caracteres.

Agora pregúntome eu se verá algún día a luz a versión impresa, tan necesaria no seu momento para dar a coñecer as posibilidades de Internet aos centros e aos propios emigrantes que aínda non fan un aproveitamento das posibilidades da Rede no ámbito da galeguidade.

Galicia Aberta, tremendo jallejo, oístes!

Subscribinme ás novas do portal que a Xunta fixo copiando o noso de Fillos.org, e vexo que van polo camiño habitual. O título do boletín que me envían é un exemplo de bilingüismo armónico:

Boletín informativo de GaliciaAberta: gallego (Dende 12/12/2005 Ata 18/12/2005)

Se se supón que é a versión en galego do boletín… a que ven ese gallego en castelán? E dende pensaba eu que xa fora desbotado hai tempo pola Real Academia da Lingua Galega como barbarismo. E xa por rematar… non se prefere agora ate fronte a ata? Vamos, un premio para os encargados da revisión lingüística do portal. Como non se lles dea mellor o árabe