Resultados de la búsqueda

Keyword: ‘xunta’

Escolma de artigos de Casdeiro

CasdeiroVeño de rematar esta fin de semana unha actualización da miña home page na que incorporei principalmente un novo espazo para recoller unha escolma de artigos meus publicados ao longo destes últimos anos e dispoñibles na WWW.

Aínda me queda por facer o propio con diversas creacións artísticas (???) miñas que tamén están dispoñibles na Rede, algunhas baixo o meu nome e outras baixo pseudónimo. Espero dispor de tempo este verán para as xuntar e engadir na sección axeitada desa a miña páxina persoal.

Categorías: META

A prol dunha plataforma musical galega ceibe

(Desde a colonia galega de San Vicente de Barakaldo, no Día Europeu da Música, 2006)

Música galega en Copyleft xa!!!Despois de observar a medre das iniciativas que en torno e a prol da música libre de dereitos de autor (ou copyleft) están xordindo por todo o planeta, coido que chegou a hora de facer unha reclamación contundente:

É hora de dispormos dunha Plataforma Musical Pública Galega de Gravacións Copyleft.

Coido que o modelo a seguir é, novamente, Cataluña, coa súa Cultura Lliure, que xa ten editados 2 discos (Música Lliure I e Música Lliure II) , ademais doutros materiais.

En Galiza temos a moi loubable Regueifa (perdón polo deep-linking, pero o seu web con frames é insufriblemente innavegable a 800×600), e coido que debería tomarse como punto de partida, pero é necesaria unha volta de torca máis, de man da implicación dos axente públicos e sobre todo, dos músicos galegos, para nutrir esta plataforma e espallar a filosofía da música que non paga á SGAE.

E quero especialmente dirixir o meu chamamento aos músicos galegos que traballan no terreo da música tradicional e folk, xa que é preciso que o seu traballo non estea atrapado polos dereitos de autor, se queremos podelo distribuir masivamente entre os millóns de galegos do exterior, e así encher as pontes virtuais que estamos a constriuir na Rede, de contidos culturais audiovisuais, que permitan que os fillos e netos dos galegos coñezamos e desfrutemos da música de raíz do noso pobo, sen pagar peaxes inxustas a organismos que coidan calquera cousa menos o espallamento da nosa cultura.

Porque non podemos admitir cousas como que se reclamen cantidades desorbitadas (e aínda por riba independentes do número de oíntes!!) para emitir música galega por Internet a entidades culturais sen ánimo de lucro, cuxo obxectivo é dar a coñecer esa parte da nosa cultura que é a música, ou que unha tenda de discos galega non poida regalar un disco gratuito (coñecidos coma samplers) cunha escolma promocional de bandas galegas cando unha persoa lle merca outro disco comercial porque a SGAE lles esixe pasar por caixa, impedindo un espallamento de novos artistas que só pode redundar en novas vendas de discos, en contratos para concertos na emigración, etc.

Por iso fago este chamamento: á Xunta de Galicia, a toda a industria musical galega, pero sobre todo aos autores, porque na súa man está decidir poñer a disposición dos galegos de todo o mundo as súas obras nunha licencia Creative Commons, por exemplo, que protexe e recoñece a súa autoría, pero non grava a trasmisión cultural con taxas máis propias dunha forma de entender a cultura como algo exclusivo, coma un luxo ou coma un negocio. Os artistas poden vivir da súa obra, pero hai outras formas de o facer nesta nova época da cultura dixital.

Polo tanto é hora xa de termos un CulturaLliure galego, un ManComun da música. A Regueifa pode ser o xermolo, pero precisa un apoio público e social que lle temos que dar entre todos para convertilo nesa MusicaLibreGalega.org que queremos.

Galicia aberta pero desorientada

Onte puiden comprobar cómo o investimento (aínda non averiguamos a cifra exacta) que fixo o anterior goberno da Xunta de Galicia e que o actual está a reforzar, para a creación e xestión do portal GaliciaAberta está a demostrar a súa ineficacia: namentas o noso web Fillos de Galicia tivo esta semana unha suba desde o posto 294.000 e pico de Alexa ao 246.000, o web clónico creado pola Xunta experimentou unha baixada de máis de 1,8 millóns de posicións!

Isto ao meu entender demostra que facer un web cun obxectivo electoralista, sen analisar primeiro os seus obxectivos, trazar unha estratexia de promoción e definir os contidos en función da segmentación do internauta, mesturando emigrantes con inmigrantes, facendo versións en árabe, e sen contar coa colaboración de quen lles levabamos unha vantaxe de 7 anos no uso de Internet para contactar con/entre os emigrantes galegos, ao final supón un despilfarro e un fracaso en termos cuantitativos.

Esperemos que a rectificación estea próxima. Nós puxemos todo da nosa parte para ofrecer a nosa axuda e que reorienten axeitadamente este invento estraño que foi GaliciaAberta, e facelo algo útil e utilizado.

3 anos para colgar un PDF

03/03/2006 2 comentarios

Onte, despois de 3 anos da súa elaboración, por fin puxeron nun web público da Xunta de Galicia o meu traballo «O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descendentes dos emigrantes», que como gañador do premio Galeguidade de ensaio convocado pola anterior Consellaría de Emigración, debía ser publicado polo goberno galego.

E para que así fora tivo que ser necesaria unha viaxe a Galicia e unha entrevista persoal co Secretario Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, dentro do marco das conversas que solicitamos co novo goberno PSdeG-BNG desde a nosa Asociación Fillos de Galicia.

Vou tentar explicar un pouco como foi o conto para que se entenda a axilidade e resposta da administración galega. A primeiros de 2004 xa estaba concedido o premio e eu púxenme en contacto coa Consellaría de Emigración para averiguar cándo sairía editado, xa que as obras gañadoras destes concursos que convocaba Emigración eran publicados por eles, como posuidores dos dereitos, tal e como se desprendía das convocatorias tal e como saían publicadas no DOG. Daquela explicáronme que en principio a intención era que saíra durante o ano 2004, pero que como ás veces se procedía a xuntar varias obras premiadas (en varios anos) pois que mesmo podía tardar 5 anos en saír! Eu, como é lóxico, insistinlles na necesidade de proceder á publicación de obra á maior brevidade posible, xa que tratándose dun ensaio acerca de Internet, logo ficaría desfasado, dada a evolución tan rápida que ten a Rede. Entón propuxen como solución temporal fornecerlles unha versión electrónica en PDF que eles poderían publicar no web da Consellaría.

Daquela tamén lles suxerín proceder eu tamén á publicación en paralelo no web de Fillos ou nalgunha outra ubicación. Curiosamente fixéronme saber que esa publicación pola miña banda, non sería ben vista por eles. E así fiquei, logo, sen poder contribuir doutra forma ao espallamento do contido do ensaio á espera de que puxeran a disposición do público, cando menos e o antes posible, na versión en PDF.

Pero os meses e os anos pasaron e vin que non había noticias nin da publicación impresa nin da electrónica. Mesmo cheguei a pensar que estaban demorando a súa publicación por algunha razón pouco confesable (talvez porque puña en evidencia o seu atraso no terreo de Internet e que Fillos de Galicia, sendo unha iniciativa case sen apoio pola súa banda estaba facendo, como moita xente dicía daquela, o seu traballo?). Polo tanto, e aínda a risco de que non o viran ben (manda truco!) procedín sucesivamente á súa publicación dentro de Galeguidade.net, Fillos.org e no meu web persoal.

Agora, tras darlle a coñecer a situación ao Secretario de Comunidades Galegas, procederon a publicalo por fin, precisamente no web que segundo algunhas opinións, foi deseñado polos anteriores responsables do PP baseándose na miña obra nunca publicada: GaliciaAberta. Iso si, agachado no absurdo listado alfabético de obras da súa sección de libros e cunha URL de centos de caracteres.

Agora pregúntome eu se verá algún día a luz a versión impresa, tan necesaria no seu momento para dar a coñecer as posibilidades de Internet aos centros e aos propios emigrantes que aínda non fan un aproveitamento das posibilidades da Rede no ámbito da galeguidade.

Volunet voou, ou?

22/02/2006 2 comentarios

Seica este era o logo da morta VolunetHoxe procurando información para un proxecto dun cliente atopei esta noticia do ano pasado:

Santiago de Compostela acoge la Conferencia Internacional de Voluntariado y Nuevas Tecnologías que pondrá en marcha el proyecto Volunet

La Xunta de Galicia, a través de la Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, promueve la celebración del 7 al 9 de abril de 2005 en Santiago de Compostela de la Conferencia Internacional de Voluntariado y Nuevas Tecnologías, que pretende ser un foro en el que se den a conocer las posibilidades e iniciativas que existen en la red en el ámbito de la solidaridad. La conselleira de Familia, Pilar Rojo, presentó en la capital gallega este foro internacional, que servirá para poner en marcha el proyecto Volunet, una iniciativa que busca facilitar a las entidades de acción voluntaria gallegas su entrada efectiva en la sociedad de la información. Volunet se prolongará hasta enero de 2006 y podrá ser renovado por períodos de un año en función del cumplimiento de sus objetivos. (…) Para participar en esta conferencia internacional debe formalizarse la inscripción a través de la web de Volunet (www.volunet.net) desde el 1 de marzo hasta el 1 de abril. En este proyecto de la Consellería de Familia e Voluntariado también participan las universidades de Santiago y de A Coruña, colabora la Dirección Xeral de Tecnologías de la Consellería de Innovación y patrocina Sunmicrosistem.

Parece evidente que o proxecto fracasou, visto o que se pode atopar a día de hoxe nese enderezo web 😦

Así vai o desenrolo da Sociedade da Información en Galiza…

Categorías: De Reti Publica

Comprar Galicia por Internet

Parcelaria Virtual pola Cultura GalegaNa Asociación Cultural Fillos de Galicia vimos de poñer en marcha un proxecto no que temos depositadas moitas ilusións e esperanzas. Se conseguimos o noso obxectivo, teremos, por fin, tras longos anos de pelexa por obtermos financiamento, un futuro asegurado por outros 10 anos (este mes de Febreiro de 2006 Fillos de Galicia cumpre 9 anos de existencia).

O proxecto está inspirado na MillionDollarHomePage.com que foi creada por un rapaz inglés de 21 anos, Alex Tew, e coa que conseguiu en 4 meses xuntar nada menos que 1 millón de dólares! Nós estudamos detidamente o seu proxecto e pensamos que podería ser aplicable á obtención de fondos para a nosa asociación, pero con importantes variacións: a principal delas é que non consiste en vender simples pixels, senón que os espazos que vendemos corresponden a espazos xeográficos concretos de Galicia.

Invitámosvos a coñecer o proxecto no propio web da Parcelaria: ParcelariaVirtualPolaCulturaGalega.com.

Acabamos de comezar a facelo público e de momento as opinións que nos chegan son unanimente positivas. Esperamos contar co apoio dos galegos nesta nova ocasión, a que pode ser a definitiva que nos saque dos problemas económicos que cronicamente padece o noso proxecto Fillos.org.

Galicia Aberta, tremendo jallejo, oístes!

Subscribinme ás novas do portal que a Xunta fixo copiando o noso de Fillos.org, e vexo que van polo camiño habitual. O título do boletín que me envían é un exemplo de bilingüismo armónico:

Boletín informativo de GaliciaAberta: gallego (Dende 12/12/2005 Ata 18/12/2005)

Se se supón que é a versión en galego do boletín… a que ven ese gallego en castelán? E dende pensaba eu que xa fora desbotado hai tempo pola Real Academia da Lingua Galega como barbarismo. E xa por rematar… non se prefere agora ate fronte a ata? Vamos, un premio para os encargados da revisión lingüística do portal. Como non se lles dea mellor o árabe

Cun(t)is-lingus!

Ai que se foder. Que pode saír de xuntarmos un dominio presuntamente dun concello galego -pero que non é deles- e a casualidade de que a palabra cona en inglés se diga parecido ao nome do concello? Para o ver non tedes máis que facer a proba. Velaquí deixamos constancia en diferido ;-P

Concello da Cona é...

Categorías: De Reti Publica

A casa do ferreiro (II)

Hoxe continuei coa renovación do meu web persoal. Entre as novidades está a actualización do meu curriculum vitae e a traslación da miña obra poética (galega e castelá) dispoñible ate agora na Rede, así como as catro ilustracións que tiña ao público, a unha zona privada. Agora quen queira ler os meus pseudo-poemas e contemplar as raparigas que debuxaba cando tiña tempo, ha ter que me escribir a calquera dos meus enderezos para me pedir unha clave de acceso a este reservado do meu novo web. Os máis espabilados aínda os poden atopar na copia cache do Google e talvez nalgún outro sitio… 😉

Ah, e tamén aproveitei para poñer a disposición de todos os internautas así como todos os buscadores que indexen PDFs o meu ensaio, aborrecido xa de agardar que mo publique a Xunta de Galicia, como é a súa obriga como obra premiada por eles. Como poden retrasar máis de ano e medio a publicación dun ensaio sobre un medio que evoluciona tan rapidamente como Internet? Esa é a visión que teñen os nosos políticos das Novas Tecnoloxías, meu Deus! A ver se os novos se dignan rescatar esta obra do caixón e publicala en versión árbores mortas… De momento quen queira lelo en dixital, aquí ten a famosa obra O papel de Internet na conservación da identidade e cultura galegas entre os descendentes dos emigrantes. Por suposto calquera comentario dos lectores será benvido por medio deste blog 😉

Categorías: META

Agregando novas con Aggreg8

16/06/2005 1 comentario

Despois de moito tempo volvo á carga. Esta vez para comentar (e recomendar) unha útil ferramenta para quen queira estar ao tanto das súas fontes de información RSS favoritas: chámase Aggreg8, provén dun proxecto universitario, é gratuito, moi doado de usar e só para Mozilla. Persoalmente vaime axudar a loitar conta a infoxicación, ao me permitir xuntar diversas fontes que consulto para me manter ao día. Por certo, que é unha mágoa que o Mozilla completo non dispoña da interesante característica Live Bookmarks que ten o Mozilla Firefox (versión só navegador); espero que corrixan este trato desigual nas próximas versións do programa completo.

Máis información sobre RSS na Wikipedia.
Tamén sobre outras ferramentas agregadoras.

Categorías: De Technologia Retis