Inicio > De Reti Publica, Filli Callæchiæ > Gasta con xeito a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

Gasta con xeito a Secretaría Xeral de Emigración en Internet?

Coñecidas son as miñas repetidas críticas ás accións da actual Secretaría Xeral de Emigración na Rede, dirixida por Manuel Luis Rodríguez (PSOE) e que son continuación e ampliación das efetuadas no pasado pola Consellaría de Emigración do PP. Estas críticas pretenden salientar fundamentalmente dous puntos: en Emigración non están a demostrar un coñecemento axeitado do funcionamento e posibilidades da Rede, e están pecando de ineficiencia ao dilapidar fortes sumas de diñeiros público en proxectos sen resultado, ou cando menos que teñen resultados non proporcionais ao investimento que realizan.

O último dato neste sentido veu hai un mes cando vimos que se convocaba un concurso para a xestión do portal GaliciaAberta (poden os lectores interesados atopar moita información sobre o que opino da creación deste portal por parte do goberno do PP e da súa total asunción e continuación por parte dos actuais responsables do PSOE tanto en PlanetaGalego como neste mesmo blog). Desa convocatoria puiden extraer lamentables conclusións:

  • O custo do portal está nos 20.000 euros mensuais.
  • O portal fai uso das tecnoloxías máis caras do mercado (CMS Vignette, Websphere de IBM, bases de datos Oracle, etc.), non sabemos en beneficio de quen, desde logo non dos cidadáns nin das arcas públicas cando hai alternativas de software libre que fornecen resultados equivalentes.
  • Aínda que o portal teña uns contidos oficiais ou gobernamentais, boa parte del replica a estrutura, contidos e servizos da comunidade virtual Fillos.org, cuxa xestión custa menos de 4.600 euros mensuais: o custo total de todo o que fai a Asociación Cultural Fillos de Galicia, que de feito inclúe máis labores cá xestión de Fillos.org, foi no 2006 de 55.000 euros. É dicir menos do 23% do que custa GaliciaAberta.
  • O prazo para presentar ofertas, para un proxecto desa contía e cun prego de especificacións técnicas moi ríxidas, era de 8 días. Algo inaudito e que eu me pregunto se é mesmo legal. Que empresa podería optar a ese concurso en tan breve prazo e cunhas condicións tan pechadas? Calquera podería pensar que se quería que unicamente se puidese presentar a empresa que creou o portal! Que xustificación existe para ter publicado este concurso por vía de tramitación urxente?

Iso vense sumar a outros comporamentos de difícil xustificación por parte dos responsables de Emigración, como a resposta que nos deron cando desde Fillos de Galicia insistimos o ano pasado en coñecer o custo de creación e mantemento de GaliciaAberta: «Iso non é asunto voso». Seica coñecer canto gasta a Administración, como e en que o gasta non é asunto dos cidadáns! Alabada sexa a trasparencia democrática! 😦

En definitiva, non remato de comprender por que non se deixan asesorar, nin polos que levamos anos traballando nun campo (Internet) que aínda se demostra que é demasiado novo para eles, e que concentramos a maioría do público da nosa emigración nese campo, e tampouco por outros departamentos especializados da Xunta, como os responsables de asuntos da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, como lles chegamos a suxerir nós, desesperados ante a actitude de incomprensión e teimosía que me amosaban a finais do ano pasado nun asunto de marketing online no que tiñan aceptado a nosa colaboración.

  1. admin
    21/02/2007 a las 7:58 pm

    Analisemos como comeza o prego de condicións técnicas porque é revelador:

    A Secretaría Xeral de Emigración conta cunha comunidade virtual que da servizo tanto ao colectivo de emigrantes galegos e aos seus descendentes, coma aos inmigrantes asentados en Galicia.

    «Comunidade Virtual», é dicir, non un portal de servizos da administración, senón o concepto horizontal no que Fillos.org foi pioneiro na nosa diáspora. Difícil de xustificar despois que non se metan no campo de Fillos de Galicia. Claro, que eles teñen dito que se consideran no dereito de se meter nel sen máis explicacións nin consulta previa en procura de sumar esforzos e aforrar custos, faltaría máis!

    E vese que insisten teimudos en mesturar públicos que non teñen nada que ver. Unha cousa é que por causa de razóns políticas se ocupe a mesma Secretaría Xeral tanto dos nosos emigrantes como de inmigrantes que chegan a Galiza e que non teñen nada que ver coa nosa diáspora. Pero en Internet non se xustifica técnica nin conceptual nin estratexicamente crear un portal único mesturando ambos mundos. Porque iso é non ter unha estratexia axeitada á natureza pull e segmentada da Rede.

    É algo no que lles teño insistido e non dan o brazo a torcer: prefiren gastar ineficazmente en troques de crear portais específicos para públicos diferentes.

  2. admin
    21/02/2007 a las 8:06 pm

    Sego analisando o prego técnico. Entre as fins do portal cítase:

    Optimizar a transmisión da información entre a secretaría xeral e os usuarios aos que se dirixe a súa actividade (…)

    Se entendemos que eses usuarios (ou parte deles, xa que mesturan tamén inmigrantes) son emigrantes e descendentes que sexan usuarios de Internet, non se vé como optimizar a transmisión da información se non se vai cando menos coa colaboración e participación da maior comunidade online deles: Fillos.org. Esperemos que a empresa que resultara adxudicataria desta xestión de GaliciaAberta, faga unha auténtica optimización nese sentido, contando con Fillos.org, e así dea cumprimento a estoutro obxectivo, tamén marcado esperanzadoramente no prego:

    Apoiar o desenvolvemento doutras iniciativas internas ou externas, aproveitando así as sinerxías que se creen con outros proxectos.

  3. admin
    21/02/2007 a las 8:12 pm

    O descoñecemento da importancia do marketing na Rede que existe na Secretaría Xeral de Emigración vese claramente no prego técnico onde non se fai mención algunha da creación de plans de promoción do portal, nin a realización de acción algunha para atraer ao público obxectivo ás súas páxinas, e tampouco se pide que o perfil profesional dos encargados inclúa o máis mínimo coñecemento do marketing en Internet. De feito, por conversas miñas con xente ao cargo na Secretaría, dame a impresión de que pensan que con crear un web, a xente xa o vai visitar, como por arte de maxia, sen que sexa preciso dalo a coñecer nin atraer as visitas mediante algunha das diversas técnicas que existen do marketing online. Así é que a día de hoxe as cifras de visitas de GaliciaAberta e a súa posición en buscadores é lamentable e a bo seguro non merecedora do diñeiro público que se leva investido nel.

  4. admin
    21/02/2007 a las 8:19 pm

    Lembro que recentemente neste blog comparamos a taxación que facía un servizo online do valor a efectos de posicionamento e visitas, do portal GaliciaAberta: 700 dólares. Desde logo a relación investimento/resultados semella abondo desfasada, agora que sabemos que custa 20.000 euros/mes.

  5. admin
    17/03/2007 a las 7:39 pm

    Alédame poder dicir que comezan a chegar indicios desde a Secretaría Xeral de que comezan a se dar conta da situación inxustificablemente invisible das súas actuacións en Internet e que da man de Fillos.org, claramente o portal máis visible da emigración galega, van buscar de lle poñer remedio. Nunca é tarde para rectificaren… mágoa do escaso rendemento dos investimentos realizados ate o de agora.

  1. No trackbacks yet.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: