O novo Vieiros e as ligazóns
Non quería deixar de comentar algo que me chamou desagradablemente a atención do novo Vieiros, ademais doutros aspectos de utilizabilidade web que teo comentado no propio portal. Neste caso semella unha incoherencia en canto á propia filosofía do portal. Lemos en http://www.vieiros.com/vieiros/index/texto:creative_commons o seguinte:
«Os links son fundamentais para que a información flúa a través de internet. «
Estupenda perogrullada! Pero, se verdadeiramente pensan iso… Por que xa non permiten incluir ligazóns nos comentarios do novo sistema? E por que eliminaron centos (senón milleiros) de comentarios que existían na versión anterior do portal e que contiñan en moitos casos interesantes ligazóns cara a outros webs?
Imaxino que isto, como o resto de suxestións, queixas e comentarios que lles deixei, caerá en saco roto. Pero non quería deixar de salientalo aquí para coñecemento doutros usuarios deste decanos dos portais galegos.
Lemos acerca do proceso de ¿mellora? de Vieiros o seguinte:
Pois evidentemente recurtar as posibilidades dos comentaristas (non se pode poñer ningún tipo de etiqueta) e eliminar un imenso material de interese (arquivo de mensaxes nas novas vellas) non semella unha boa forma de non perder esa conversa constante. A non ser que a queiran dirixir máis rixidamente cara aos seus intereses de empresa e limitar o que se di, ou cando menos a forma en que se di.
Vexo que tamén nos perfís de usuarios (vid. v.g. http://beta.vieiros.com/usuarios/perfil/Calidonia … eu por certo sego sen poder modificar o meu, nin subir foto nin poñer URLs nin nada…) poñen ligazóns mortas. Penso que é un desprezo e unha cutrez moi grande por parte de Vieiros. Sabemos que ter ligazóns desde un dos webs máis importantes de Galiza é valioso, pero de aí a capar todos os links cara a fóra e aínda por riba dicir que «os links son fundamentais»… manda carallo!
Carallo! Deixando un comentario á nova da Touripedia, veño de descubrir que volveron a abrir a posibilidade de poñer ligazóns!!
Imaxino que as queixas os fixeron recapacitar. Foi en boa hora! 🙂